
O videoxogo galego dá un novo paso decisivo cara á súa institucionalización como parte do patrimonio audiovisual galego. No marco dun convenio coa Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, a Biblioteca de Galicia, principal referente na conservación e difusión do patrimonio documental e audiovisual, colabora coa Fundación Museo do Videoxogo de Galicia nun proxecto de longo percorrido que ten como obxectivo garantir a preservación, catalogación e divulgación das creacións desta industria cultural e creativa.
Encargada do depósito legal e da salvagarda do patrimonio cultural galego, a Biblioteca de Galicia asume un papel central neste proceso en virtude da súa experiencia e capacidade técnica en materia de conservación e descrición documental, cunha implicación que garantirá un enfoque sustentado en metodoloxía bibliotecaria, control de estándares e continuidade institucional. Neste escenario a Biblioteca suma esforzos co Museo do Videoxogo, como entidade de referencia para o estudo e catalogación dos videoxogos feitos en galego, por galegos ou vencellados dalgún xeito a Galicia, nun eido no que o museo leva traballando dende 2019 coa a elaboración da primeira base de datos sobre o videoxogo galego.
OS ALICERCES: PRESERVACIÓN, CATALOGACIÓN E DEPÓSITO LEGAL
Preservación e Catalogación
A primeira liña de traballo céntrase na catalogación e actualización do coñecemento sobre o sector do videoxogo galego. O proxecto busca reunir e sistematizar información sobre axentes, empresas e obras do sector, para dispoñer dun panorama actualizado da súa actividade creativa e produtiva. A Biblioteca de Galicia aplicará o seu coñecemento en documentación e control bibliográfico para garantir descricións completas e normalizadas, que faciliten a incorporación dos videoxogos ao seu catálogo e ao da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia. A Fundación MUVI servirá de referencia técnica neste proceso, contribuíndo á creación dunha base de datos sólida e continuada de información, con atención á interoperabilidade e á preservación documental.
Preservación interactiva
A segunda liña de traballo estará dedicada á preservación. Abordarase a conservación interactiva do videoxogo galego — tanto físico como dixital — aplicando os protocolos e criterios técnicos do MUVI, un museo integrado no Sistema Galego de Centros Museísticos. O obxectivo é garantir a estabilidade e continuidade duns fondos que, pola súa natureza tecnolóxica, requiren métodos específicos de preservación a longo prazo, nun marco institucional capaz de asegurar a súa permanencia e acceso futuros.
“O videoxogo galego vai moito máis alá daqueles videoxogos feitos en Galicia: as manifestacións culturais relacionadas co noso País e contidas dentro de calquera videoxogo deben preservarse e divulgarse con todo o recoñecemento que merecen. Videoxogos non galegos pero que están en galego, obras musicais de autores da nosa terra, narrativas con referencias a Galicia, localizacións destacadas creadas por autoras do noso territorio… É imprescindible consolidar tódolos mecanismos que permitan a conservación, o estudo e a experiencia interactiva. Non se pode entender a preservación sen a interactividade. É fundamental interiorizar que este medio é interactivo, e que para preservalo debe ser xogable. E por outra banda, cómpre multiplicar esforzos para que o contexto e a información sobre as creacións estea debidamente documentado”, explica Jacobo Martínez, director do Museo do Videoxogo.
Depósito Legal
Outra das liñas de traballo centrarase na divulgación do depósito legal aplicado ao videoxogo galego. O proxecto prevé accións de sensibilización e diálogo coa industria, orientadas a dar a coñecer o procedemento, a súa relevancia e o papel dos centros conservadores na preservación das obras. Estas iniciativas, artelladas pola Biblioteca de Galicia coa mediación do MUVi, incluirán encontros profesionais e sesións divulgativas, co propósito de reforzar a conciencia colectiva sobre a responsabilidade compartida na conservación do patrimonio, e de reforzar a relación entre os creadores e os centros de preservación para garantir a súa conservación e acceso futuros.
UN PROXECTO ABERTO E INTEGRADOR
O Museo do Videoxogo concibe este proxecto como un proceso aberto, participativo e integrador, orientado a facer partícipes a tódalas persoas, entidades e colectivos que contribúen á construción do videoxogo galego. O obxectivo é que ninguén quede fóra das definicións, criterios e decisións que marquen o rumbo da preservación e da catalogación deste patrimonio, garantindo que todo o proceso se desenvolva en base a obxectivos e criterios bibliográficos e museísticos.
Promoveranse espazos de encontro e cooperación nos que participen profesionais do sector, creadores/as e desenvolvedores/as, representantes do ámbito cultural e audiovisual, así como docentes e investigadores das universidades galegas, co fin de artellar unha visión plural e compartida do videoxogo como fenómeno cultural, educativo e tecnolóxico.
“O videoxogo galego só pode consolidarse como patrimonio cultural se se constrúe entre todos, dende o diálogo e o respecto ao traballo colectivo”, subliña Galo Martínez, presidente da Fundación Museo do Videoxogo. “O MUVi é un museo do Sistema Galego de Centros Museísticos e está xestionado por unha Fundación de Interese Cultural Galego. Pertence á sociedade, e iso dálle o deber e tamén a liberdade de actuar non só ao servizo do ben común, senón en base á rigorosidade e ás garantías da metodoloxía museística. Este proxecto nace co propósito de garantir unha preservación profesional, transparente e con responsabilidade cultural, integrando a aquelas persoas ou entidades que compartan esta visión”.
O VIDEOXOGO GALEGO, A BIBLIOTECA DE GALICIA E O MUVI, XUNTOS NO CULTURGAL 2025
A colaboración entre a Biblioteca de Galicia e o Museo do Videoxogo vivirá a súa primeira aparición pública conxunta no Culturgal 2026, a Feira das Industrias Culturais Galegas, que se celebrará en Pontevedra os dias 28, 29 2 30 de novembro e que reúne cada ano aos principais axentes do sector cultural do país.
Este escenario converterase nun punto de encontro para o diálogo entre institucións, profesionais e creadoras, no que representantes da Biblioteca de Galicia e do MUVi compartirán espazo e programación nunha proposta que combinará mesas de conversa e accións divulgativas arredor do proxecto de preservación e catalogación do videoxogo galego. O Culturgal será un contexto idóneo para presentar o traballo conxunto e para reflexionar sobre os retos da conservación e do depósito das obras nacidas en dixital, abrindo canles directas de comunicación coas persoas creadoras e co público. Un espazo para reforzar o papel do videoxogo como parte viva e activa da cultura galega contemporánea.
Con esta participación, a Biblioteca de Galicia e o MUVI situarán o videoxogo no corazón da cultura galega, reivindicando un ano máis o seu valor patrimonial e o seu dereito a compartir espazo co resto das expresións artísticas e culturais do país.
En definitiva, esta alianza representa un importantísimo avance para o recoñecemento do videoxogo como parte da cultura galega, nun compromiso compartido que consolida anos de traballo e abre un camiño para o futuro, continuando o percorrido iniciado polo MUVi no ano 2019. O videoxogo galego entra oficialmente no ámbito do patrimonio cultural público, da man da única institución galega con capacidade e competencia para garantir a súa conservación: a Biblioteca de Galicia.